Telf.: +34981596800 | Email: coworking@camaracompostela.com

XORNADA DEMODAY

XORNADA DEMODAY

Na mañá do mércores 29 desenvolveuse nas nosas instalacións do Coworking a xornada do Demoday á que estaban invitados a participar persoas emprendedoras da demarcación, algunhas delas xa usuarias dos servizos de asesoramento e mentorización na nosa incubadora. O pasado día 22 de novembro, en especial, habíamos desenvolvido o obradoiro de elaboración do Elevator Pitch, xunto cunha titoría especial para reforzar o aprendido.

Ante un xurado de expertos en distintos aspectos clave en todo proceso de emprendemento, como é a innovación, a xestión de equipos, a busca de financiamento, as persoas participantes tiñan un tempo asignado de cinco minutos para explicar o seu proxecto. Usáronse presentacións ou mostras en vivo do funcionamento das súas webs para apoiar os seus discursos. Ante o xurado presentáronse negocios moi diferentes (obsequios persoalizados como experiencia do Camiño de Santiago, rede social de podcasts totalmente innovadora, seguros para colectividades, fabricación persoalizada en 3D para accesorios domésticos e sistemas de renderización para empresas industriais).

A continuación de cada intervención, o xurado foi analizando os puntos fortes e débiles de cada proxecto, sinalando que partes debían suprimir e cales reforzar, para pulir o discurso e que conseguise o impacto necesario tanto para conseguir apoio financeiro como colaboradores ou socios clave. Quedamos todos emprazados para a xornada de Investors Day que se desenvolverá o 14 de decembro nas nosas instalacións, onde contaremos cunha mesa redonda coa presenza tanto de entidades bancarias como de Sociedades de Capital Risco. Teremos ocasión de coñecer qué buscan escoitar ante un proxecto novo e desfrutaremos dun café-networking para intercambiar información.

A xornada englóbase dentro das actuacións do Proxecto Coworking Dixital "CCcompostela" cofinanciado nun 80% polos fondos FEDER que xestiona INCYDE, dentro do Programa Operativo Plurirrexional 2014-2020 dentro do eixe 3: Mellorar a Competitividade das PeMES, Obxectivo Temático 3: Mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas, e a prioridade de investimento 3ª :  Fomento do espírito empresarial, en particular, facilitando a explotación económica de novas ideas, e promovendo a creación de novas empresas, tamén mediante viveiros. A Excma.  Deputación provincial da Coruña achega o 20% restante, no marco do Plan de Emprego Local (PEL). Anualidade 2021.

 

Compartir esta noticia: