O Espazo Coworking Dixital Compostela da Cámara de Comercio de Santiago deseñouse para ser un espazo dinamizador do tecido empresarial de Santiago de Compostela, fomentando a xeración de novas ideas de negocio e a súa posta en marcha, así como os proxectos de innovación das PEMES e empresas da demarcación.
O Coworking Dixital ofrece espazos, equipamento tecnolóxico e servizos avanzados para os participantes, que promoven a incorporación das TIC, a dixitalización, a innovación e a expansión do seu plan de negocio.
O proxecto ten como finalidade a creación dun centro de traballo compartido, para que persoas emprendedoras e empresas poidan enfrontarse á transformación dixital que a economía actual require, nun ambiente xerador de sinerxias e colaborativo. Un equipo de expertos apoiará ás iniciativas participantes con mentorías individuais, obradoiros formativos en grupo e bootcamps especializados.
REDE PROVINCIAL DE ESPAZOS DE TRABALLO
O Coworking Dixital Compostela da Cámara de Comercio de Santiago forma parte da REDE PROVINCIAL DE ESPAZOS DE TRABALLO COLABORATIVO (https://redecoworking.pel.gal/) da Deputación da Coruña, que aglutina distintos espazos de traballo localizados en concellos da provincia (viveiros de empresas, centros de negocio e coworking).
O obxectivo principal desta Rede é establecer uns mecanismos de coordinación e colaboración na prestación de servizos a empresas e persoas emprendedoras entre os distintos espazos que formen parte dela.
A Rede está formada por novos viveiros de empresas, centros de negocios ou coworkings creados baixo a demanda de Concellos ou ben por centros xa existentes nos que o Concello ou entidade sen ánimo de lucro solicita apoio para o seu funcionamento e dinamización.
A Rede pretende funcionar de xeito eficiente, de maneira que as distintas sedes presten un servizo eficaz e coordinado non só no concello no que se empracen, senón tamén en concellos circundantes, ben atendendo aos límites administrativos da comarca, ben atendendo a outros criterios de eficiencia. En definitiva, preténdese que a Rede de espazos traballo, con sede en diferentes concellos, ofreza de forma eficiente un servizo público orientado ás persoas emprendedoras e ás empresas, sendo primordial:
- O fomento do emprego A dinamización do tecido empresarial de cada concello/comarca
- A difusión de coñecementos, competencias e habilidades que sexan clave á hora de emprender
- A posta en marcha de novos negocios
- Traballar especificamente en programas de xestión empresarial en sectores estratéxicos.
A COWORKING VISA
Que é a Coworking Visa?
Coworking Visa permite aos membros do Coworking Dixital Ccompostela utilizar outros espazos en todo o mundo de forma gratuíta durante un número determinado de días (tres como norma xeral). As condicións varían dun espazo a outro en canto ás horas gratuítas dispoñibles, aos días que se ofrecen, os requisitos de reservas, etc., polo que se debe comprobar con antelación para cada espazo que se desexe visitar.
Coworking Visa dentro da Rede Provincial
Para facilitar a mobilidade de coworkers dentro da Rede Provincial de Espazos de Traballo, a través desde formulario (https://redecoworking.pel.gal/coworking-visa/), os coworkers poden poñerse en contacto con outros coworkings da mesma de forma áxil e sen necesidade de verificar a súa pertenza á mesma.